Presentación de Palleira.gal

Comment

Novas

O sábado ás 12:30 tivo lugar na Escola do Campo de Combarro o acto de lanzamento do sitio web PALLEIRA.GAL, un proxecto da asociación XEOPESCA que contou co apoio da Xunta de Galicia no marco do Plan de acción do software libre 2017 da Axencia Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Á presentación asistiron unhas trinta persoas

Interviñeron na presentación Xosé Rial en representación de Xeopesca, Alberto Permuy en representación da asociación O Zulo de Mugardos, Xulio Barreiro, concelleiro de Patrimonio de Poio, e Eladio Otero, xefe de innovación tecnolóxica da Amtega.

Xosé Rial espuxo que PALLEIRA.GAL é un catálogo dixital libre dos bens de interese cultural do casco histórico artístico de Combarro. “En Combarro chamámoslle palleiras aos hórreos. Velaí a razón do nome do proxecto, no que se amosará información detallada dos elementos tan emblemáticos da vila”, explicou o coordinador do proxecto. Aí mesmo, afirmou que a iniciativa é herdeira doutros proxectos anteriores como aculturadaauga.org e abeancos.gal, levados a cabo en Mugardos e Melide. Agarda Xosé Rial que a súa existencia sirva non só para divulgar o patrimonio do casco histórico da vila de Combarro, senón tamén para ofrecerse como modelo co fin de que o facho da cultura local continúe a alumearse noutras comarcas e vilas.

Xeopesca tamén se lembrou da asociación A Solaina, cuxa colaboración considera fundamental para o desenvolvemento do proxecto. Tamén agradeceu á Concellería de Patrimonio e da oficina do ARI de Combarro a cesión de información que enriqueceu o proxecto, así como a colaboración das familias propietarias das palleiras, piares fundamentais do proxecto ao proporcionar información sobre estes elementos e a súa contorna. “Palleira.gal tamén é un proxecto etnográfico. Ao revelar os costumes que tiñan as familias, comprendemos mellor o pasado, condición imprescindible para percorrer do mellor xeito posible as calellas do futuro”, apuntouse. Xeopesca conseguiu lograr formar un equipo multidisciplinar especializado en diferentes disciplinas (arquitectura técnica, enxeñaría técnica informática, historia, tradución e interpretación…) formado por Manuel Pastoriza, Pablo Belay, David Belay, Verónica Castiñeira, Andrés Dacosta, Tamara Andrés, Alberto Permuy e Xosé Rial.

“Palleira.gal foi creado con dous obxectivos básicos: por un lado, coñecer e recoñecer o contexto histórico e social no que foron construídas e empregadas as palleiras en Combarro; por outro, ofrecer un catálogo de palleiras individual e pormenorizado no que se ofrecerá a súa xeolocalización e incorporará tanto características arquitectónicas como aquelas aportadas pola intrahistoria familiar. Unha vez máis, comprender o pasado vólvese condición imprescindible para percorrer do mellor xeito posible as calellas do futuro”, seguiu apuntando Xosé Rial.

O catálogo actualmente contén unicamente 8 hórreos. Xeopesca anunciou que periodicamente publicará un novo elemento ata chegar ás 76 palleiras existentes no casco histórico. Esta estratexia, recomendada polos proxectos realizados en Melide e Mugardos, permitirá ter unha web dinámica con actualizacións durante todo o ano. Unha vez cubertos todos os hórreos, catalogaranse outros bens existentes no casco vello coma os cruceiros. Tampouco se descarta ampliar o marco xeográfico ata cubrir zonas máis amplas, toda a parroquia ou incluso o Concello. Poderase seguir as publicacións a través da web e das redes sociais coas que contará o propio proxecto.

Por cada ben rexistrado en PALLEIRA.GAL mostrarase unha imaxe do elemento, a súa xeolocalización, a súa tipoloxía, o seu enderezo, a accesibilidade, o seu estado, o século e ano de construción, a propiedade, o uso que se lle dá e o tipo de protección que posúe. Ademais, visualizarase unha descrición detallada do elemento, amosaranse as súas dimensión e identificaranse as distintas partes do ben. Tamén amosará información sobre a historia familiar dos propietarios de cada palleira.

Rial tamén incidiu en que o proxecto tecnolóxico utilizado por palleira é software libre, indicando que calquera pode descargar o proxecto, estudalo, instalalo e ata melloralo. E agarda que tal como xurdiu palleira.gal prendan outros proxectos en vilas e comarcas.

Alberto Permuy, pertencente a asociación O Zulo de Mugardos e principal desenvolvedor do sitio web da que xurdiron non só palleira.gal, senón tamén aculturadaauga.org e abeancos.gal, lembrou os comezos dun proxecto que permitiu crear un catálogo dixital de lavadoiros en Mugardos. Permuy mostrouse moi orgulloso de que este proxecto se espallase primeiro en Melide, despois en Poio e tamén anunciou que proximamente se abrirá un portal similar en Teo.

Xa no apartado tecnolóxico, Permuy comentou que palleira.gal supón un avance con respecto aos outros portais e centrou a súa intervención en dous apartados: no software libre e na facilidade de acceso a datos. No primeiro punto, comentou a facilidade de instalación do proxecto palleira.gal, xa que o código publicado baixo licencia GPL é público, e o empaquetado da plataforma facilita a súa instalación por calquera programador. Tamén comentou as facilidades para a descarga dos contidos (fotos e textos) de palleira.gal a través de formatos estruturados e libres.

Xulio Barreiro, concelleiro de Patrimonio de Poio, felicitou a Xeopesca polo traballo realizado e comentou que o proxecto PALLEIRA.GAL aumenta o coñecemento sobre un dos emblemas de Combarro, as palleiras. Tamén se aledou de que proxecto fose construído a través do software libre.

Para rematar a rolda de prensa, interviu o xefe de innovación tecnolóxica da Amtega, Eladio Otero. No comezo da súa intervención comentou que o proxecto palleira.gal forma parte do convenio que a Xunta de Galicia asinou coas asociación de software libre de Galicia, así como a asociación empresarial AGASOL dentro do Plan de Acción do Software Libre 2017. Otero tamén apuntou que un proxecto tecnolóxico baseado no software e contidos libres beneficia a toda a sociedade a través da mostra, neste caso, de bens de interese cultural. Incidiu na importancia de que o proxecto sexa desenvolvido por un equipo multidisciplinar e no do uso do software libre sen o cal “non sería posible levar a cabo o proxecto”. Para rematar felicitou o labor altruísta e voluntario de asociacións coma Xeopesca, a comunidade O Zulo de Mugardos ou Melisa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *